domingo, 5 de febrero de 2017

MESTRES DE OBRADOIRO

Rematamos estes días o proxecto de arte co que estudamos durante varias semanas o románico e  o gótico. Tratouse dun percorrido polas características de cada un destes estilos a través dunha análise de diferentes obras da escultura, pintura e arquitectura que os rapaces recompilaron e presentaron dunha maneira adecuada a estes tempos do Medievo.





Pero o remate final foi esta semana cando todos concorreron en parellas ou de maneira individual a un concurso no que debían presentar unha obra mestra e lograr así ser donos do seu propio obradoiro. Armaduras, estandartes, pan, velas, moedas, pulseiras, olas de barro, cadros ... foron algúns dos produtos elixidos por estes oficiais que de seguro percorrerán pronto as máis famosas feiras medievais da comarca.


jueves, 2 de febrero de 2017

VISITA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL




Este curso na materia de Investigación e Tratamento de Información intentamos mellorar as nosas técnicas de procura, selección e síntese de contidos, tarefas que non coidamos todo o que deberíamos. Para rematar o tema de bibliotecas necesitábamos achegarnos ao mundo da catalogación e quen mellor que un coñecedor da materia: Alexandre Caínzos.

O noso bibliotecario explicounos, entre outras cousas, cales eran as formas frecuentes de clasificar os fondos facendo especial fincapé na CDU (Clasificación Decimal Universal) que cataloga por áreas de coñecemento e que é a norma que utilizan na Biblioteca Municipal.




Alexandre animounos a ler como unha ferramenta importante para a vida e díxonos algo que non sabíamos: na Rede de Bibliotecas Galegas en internet podemos mirar se un libro que queremos forma parte dos fondos da Biblioteca Municipal.